11 de outubro de 2006. Ecoloxistas, mariñeiros e armadores denuncian práticas pesqueiras insustentábeis. A pesca de baixura comeza a acusar as consecuencias dunha falta de control e planificación, que ameaza con deteriorar irreversíbelmente os recursos e reducir a rendibilidade das capturas. ADEGA ten recibido comunicacións de mariñeiros e armadores denunciando prácticas irresponsábeis e ilegais. Mentres, séguese a promover o cultivo industrial dos peixes en terra, dando as costas ao noso mar.
--------------------------------------------------------------------------------
Estas irregularidades teñen que ver co uso de aparellos de talla inferior á permitida, coa superación do número e altura das mallas autorizadas, co exceso de capturas, co incumprimento das tallas mínimas ou mesmo coa cantidade excesiva de nasas fondeadas por barco.
Fontes do sector denuncian que o sistemático incumprimento das normas legais está xeralizado e que a inspección pesqueira non ten capacidade para levar a cabo o seu labor dun xeito eficaz. Como solución, algunhas confrarías están a propoñer a reducción das tallas mínimas do peixe e o aumento das xornadas de pesca.
Entendemos que aumentar a presión pesqueira diminuindo paralelamente as tallas só conduce ao rápido esgotamento dos caladoiros, e ao desplome dos prezos, reeditando a coñecida política de “pan para hoxe e fame para mañán”.
Neste senso, ADEGA defende medidas orientadas a facer da pesca de baixura unha actividade sustentábel, tanto dende o ponto de vista ecolóxico como do económico. Para isto, e tal como demandan algúns colectivos do propio sector, cómpre reducir o volume de capturas, aumentar as tallas, declarar zonas de reserva en amplas áreas do litoral e establecer mecanismos de control das artes e das capturas máis eficaces.
Con estas medidas, non só se milloraría o estatus biolóxico dos stocks, senón que aumentaría a sustentabilidade da pesca tradicional, garantindo o seu futuro a súa rendibilidade, como quedou demostrado cos paros biolóxicos “forzosos” motivados pola catástrofe do Prestige.
Finalmente, ADEGA quere facer unha reflexión sobre as políticas que promoven o cultivo industrial de peixes en terra, descoidando a pesca e o marisqueo tradicionais e dando as costas a un mar que ten unha das maiores produtividades biolóxicas do mundo. A administración galega debería priorizar o aproveitamento sustentábel dos recursos do noso mar, para garantir o futuro das actividades mariñeiras tradicionais, antes que promover grandes instalacións de acuicultura na costa de alto impacto ambiental e baixa xeración de emprego.http://www.adega.info/