Nos tempos que corren, todos pretendemos defender a "nosa natureza", por moi afastados dela que esteñamos, pretendendo pripiedade ou aínda que non conozamos que é unha miñoca ou unha bidueira. Cada un o fai ó seu xeito, cada un na súa "parcela". Tras ver o tratamento que se fai dalgúns problemas ecolóxicos grandes (como o Prestige, pero tamén pequenos como dexar limpo un campo tras unha merenda) é necesario clarificar que se entende por ecoloxista, separando deste grupo aqueles outros que se din a si mesmos defensores da natureza, pero que teñen un concepto de natureza, así como de defensa, cando menos, particular ou de propiedade. Aquí vai o meu gran de area.
O ecoloxista debe ser consciente de que o mundo enteiro non se pode comprender, pero debe intentalo. Ninguén pode comprender todo o mundo, pero está en xeral máis cerca de facelo quen o intenta. E ese é o primeiro paso para a posterior actuación en favor do equilibrio planetario(*).
O ecoloxista non ten adxectivos pre-fixados. Aproveitará os adxectivos cando poda, voltando positivos algúns que poden ser adxudicados como denigrantes. A primeira idea deste artigo xurdiu de que nun semanario local se fixo referencia reiterada ó "ecoloxista coñazo". Un adxetivo así non é prato de gusto, pero ben mirado, se alguén quere conseguir algo debe loitar por logralo, aínda que a outra xente lle poda parecer "coñazo"; nese sentido, pode ser un orgullo ser chamado "coñazo", e xa sabemos aquelo de que "quen non chora, non mama"
O ecoloxista ten que selo día a día, momento a momento, aínda que non sempre faiga todo de xeito adecuado. Ninguén é perfecto pode ser unha frase recorrida, pero é unha verdade. Mais, se voltamos ler os párrafos anteriores, xuntos, dan unha idea clara de que unha vez que alguén asume unha postura ecoloxista, non pode selo a tempo parcial, aínda que por necesidade (mesmo estratéxica) non se poda adicar ó ecoloxismo como profesión (... mesmo profesión de fe) ou en primeiro lugar en relación a outras actividades.
O ecoloxista sabe do longo do seu obxectivo. Por eso non se cansa con facilidade na súa actividade como tal. O ecoloxismo busca o equilibrio ecolóxico, e nun sistema en cambio e adaptación constantes, non é algo que se poda conseguir dunha vez por todas, aínda que estivéramos no mellor dos supostos. É evidente polo tanto que a acción ecoloxista non ten límites temporais marcados.
Os ecoloxistas saben que non teñen toda a verdade, pero tamén que teñen ganas de coñecela toda, e que en caso de dúbida, o refrán "máis vale previr que curar" debe ser considerado con moita atención. En calquera situación medianamente complexa pódense aplicar diversas solucións a un mesmo problema. Unhas serán mellores que outras, pero ningunha resolverá tódolos aspectos do mellor xeito posible: hai que buscar un compromiso adecuado, e eso implica tratar de coñecer a natureza e á demais xente que ten relación coa situación problema.
Non hai "proba do algodón“ do ecoloxismo. Hai xente que busca. E todos nós somos ecoloxistas en menor ou maior medida. A diferencia está en que, nalgúns, non é abondo. Os por que desa insuficiencia... sería mellor que cada un descubrise os seus.
Unha nota final: Parece que o dicir "non é abondo" é relativo a algo. E en certo sentido, si, podemos falar de que non é abondo para asegurar que a terra poda seguir a soportar a nosa especie en termos semellantes a como o fixo ata o momento.
(*) Termo usado en sentido amplio a posta: non se pode cinguir o ecoloxismo a plantas e outros animais sen facelo extensivo ó ambiente onde se atopan ditas especies ou á mesma especie humana, e tendo en conta cousas como que tan malo pode ser ter moitos individuos dunha especie como ter moi poucos ou meter a tódalas especies no mesmo caixón de sastre e consideralas como exactamente iguais en tódolos sentidos.
Recogido en http://ribadeando.blogspot.com/