Unha Estratexia de Desenvolvemento Sustentábel para Galiza
O futuro pasa ineludibelmente por asumirmos que o crecemento material ten un límite e que os recursos naturais deben de se compartir dende a equidade e a sustentabilidade. Cómpre unha Estratexia de Desenvolvemento Sustentábel, consensuada coa sociedade civil, que aporte ferramentas, solucións e obxectivos para mudar as actuais dinámicas destrutivas. No camiño cara a sustentabilidade é fundamental garantir o acceso á información, promover a educación ambiental (EA) e fortalecer a participación social. Solicitamos novamente a aplicación da Estratexia Galega de EA e queremos un Observatorio de EA realmente participativo que impulse, dinamize e avalíe a aplicación da Estratexia.
Nunca máis mareas negras.
Galiza é o país do mundo que máis ten sufrido as mareas negras. O accidente do Prestige, por causa da desastrosa xestión dos gobernos central e galego, converteuse nunha grave catástrofe ecolóxica, cuxas consecuencias aínda se deixarán sentir durante moito tempo.
O berro de “Nunca máis” segue vixente. Máis de ano e medio despois da catástrofe persiste a ameaza do fuel que ficou no buque afundido e aínda resta moito por facer para minimizar o risco de novas mareas negras no noso e en todos os mares do planeta e para que o noso país estea minimamente preparado para facer fronte a unha nova marea negra. Por outro lado, a catástrofe do Prestige debe ser unha seria chamada de atención para reducirmos a nosa dependencia do petróleo e para revisarmos un modelo de desenvolvemento insustentábel
Sobran presas, faltan ríos vivos.
Os nosos ríos constitúen un valioso patrimonio colectivo que debe ser conservado e utilizado para aumentar o benestar de todos e todas. En lugar de construír máis encoros, cómpre mellorar o estado ecolóxico dos ríos e controlar as demandas de auga e de electricidade. Aforro e eficiencia no uso da auga e da electricidade significan menos contaminación, menos gasto enerxético e natureza en mellor estado.
Da mesma forma que vai ser revisado o Plano Hidrolóxico Estatal, demandamos á Consellería de Medio Ambiente a revisión dos Planos Hidrolóxico e Hidroeléctrico de Galiza-Costa e a súa adaptación á Directiva Marco da Auga. Manifestamos a nosa oposición a proxectos de encoros como os do Ulla, Lérez, Sela (Miño), Narla, Verdugo, Xesta, Outón,... Tamén esiximos a recuperación inmediata da fervenza de Ézaro (Xallas).
Pola defensa da biodiversidade.
Aínda que son insuficientes, demandamos a aplicación da lei de conservación da natureza e da estratexia de conservación e uso sustentábel da biodiversidade e a protección especial dos espazos naturais máis valiosos, materia na que continuamos á cola de Europa. Cómpren Planos de Xestión para todos os espazos naturais e a ampliación da Proposta para a Rede Natura 2000 e do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Non nos conformamos cunha protección teórica. É preciso evitar a execución nos nosos mellores espazos naturais de proxectos como canteiras, presas, parques eólicos, canalizacións, portos, recheos, campos de golf e urbanizacións anexas, piscifactorías,....
Si á redución, á reutilización e á reciclaxe. Non á incineración.
A produción de residuos urbanos e industriais medra rapidamente. Cómpre aplicar medidas eficaces para a redución, a reutilización, a reciclaxe e a compostaxe. Denunciamos a opción preferente de SOGAMA pola incineración e expresamos o noso apoio aos planos de xestión do lixo da Coruña, Barbanza e Illa de Arousa. Pedimos unha maior promoción das tecnoloxías limpas e opómonos á queima de aceites usados en cerámicas e de pneumáticos na cementeira de Oural (Sarria).
Os incendios forestais teñen solución
Os incendios forestais son a “marea negra” dos montes. Os seus prexuízos seguen sendo enormes. A actual política autonómica, curtopracista e moito máis preocupada pola incidencia mediática dos lumes que pola súa solución real, é ineficaz. Demandamos unha nova política forestal e de loita contra os lumes, froito dun amplo consenso social e político, que priorice a prevención, concilie as funcións produtivas, ecolóxicas e sociais do monte e favoreza os bosques autóctonos. Apoiamos a certificación forestal baixo o selo FSC como estímulo para unha xestión forestal sustentábel.
A saúde é o primeiro
A nosa saúde depende estreitamente da calidade ambiental. Queremos cidades e vilas menos contaminadas, menos ruidosas e máis habitábeis, para o cal é prioritario reducir o tráfico de automóbeis, promover o transporte público e controlar o ruído dos locais de diversión. Desexamos consumir alimentos sans e de calidade producidos en explotacións labregas que permitan a existencia dun mundo rural vivo e próspero. Rexeitamos os alimentos transxénicos e queremos unha etiquetaxe máis rigorosa. Esiximos a aplicación do principio de precaución para prevenir posíbeis efectos negativos da contaminación electromagnética orixinada pola telefonía móbil e os tendidos eléctricos.
Pola paz
O industrialismo, hoxe na súa forma de gobalización neoliberal, está a destruír a Terra e a quen a habitamos. A crise ecolóxica global está a provocar morte, enfermidade e degradación das condicións de vida por todo o planeta, tamén ao aumentar os conflitos por recursos moi prezados e finitos, como o petróleo ou a auga, conflitos que adoitan ser tratados por medio da violencia. A construción dun mundo no que podermos convivir en paz pasa necesariamente pola sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social, dentro dos diferentes países e entre eles.
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Confederación Intersindical Galega (CIG), Confederación Galega de Asociacións de Veciños (COGAVE), Coordenadora Anti-Encoro de Caldas, Cuntis e Moraña, Coordenadora Galega pola Defensa dos Ríos (COGADER), Esquerda Unida-Izquierda Unida (EU-IU), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Galiza Nova (GZ), Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (OGCMVMC), Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo (PDRV) e Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) de Galicia.
Fuente:
www.candidato2005.net/Textos/Pdf/BNG07.pdf